jueves, 25 de junio de 2015

Á BEIRA DA LETRA, A CARÓN DO RÍO: CULTURA VISUAL & LITERATURA

Na última avaliación, o alumnado de Ciencias Sociais de 1º, 3º e 4º de ESO do IES “Gregorio Fernández” participou activamente noutra das actividades enmarcadas no Proxecto Ríos como foi “Á beira da letra, a carón do río”. Nesta ocasión, contamos coa colaboración da Biblioteca do noso centro, da man de Raquel Arias.
A actividade trataba de artellar a percepción visual e fotográfica dos ríos de Sarria (Sarria, Celeiro) a través da linguaxe poética de Fiz Vergara Vilariño. En primeiro lugar, o alumnado participante nesta actividade levou a cabo unha lectura de todas as composicións poéticas de Vergara Vilariño que mencionasen ou aludisen directa ou indirectamente ao río ou ao contexto do río. Deste xeito, cada alumno/a foi seleccionando cadanseu  poema. Posteriormente, o profesor ofrecía algunhas indicacións de linguaxe fotográfica e cultura visual para que cada un dos alumnos puidese tomar a fotografía dende a perspectiva do texto poético que escolleu e preparando de antemán a toma. Finalmente, o alumando facía a súa fotografía e a enviaba xunto co poema escollido e unha breve reflexión sobre a escolla do lugar que fotografiou en relación co poema que seleccionou.

O resultado materializouse en dous soportes: unha pequena mostra dos traballos que foi exposta na propia biblioteca do centro e unha pequena edición dixital cos traballos dos alumnos/as que está pendurado no blogue da propia biblioteca. 

A actividade resultou moi interesante para o alumnado, pois tiveron a ocasión de experimentar con dous medios, a fotografía e a poesía, aparentemente contrarios en definición (un medio obxectivo e outro máis subxectivo) pero moi eficaces na resolución dunha solución expresiva propia a cerca, neste caso, da percepción dun elemento tan importante na paisaxe de Sarria como é o propio río.


Aquí tedes unhas imaxes da exposición









E aquí tedes a opción de ver os traballos do alumnado editados 

trabalhos fotográficos do alumando sobre os ríos da comarca e Fiz Vergara Vilariño







AS NUBES NO CICLO DA AUGA: O PRINCIPIO VITAL DOS RÍOS

Outra actividade que se desenvolveu no "Proxecto Ríos" dentro do marco curricular do curso 1 de ESO foi a posta en valor do papel das nubes como elemento importante no caudal hídrico dos ríos. As nubes, ou mellor, a condesación e precipitación como procesos que xurden ou se desencadean nas nubes. As nubes son masas de auga evaporada suspendidas na atmosfera que ao enfriar precipitan en forma de auga, neve ou saraiba. Este proceso, chamado precipitación, é unha parte moi importante do ciclo da auga e dende logo, un dos factores máis importantes no xurdimento dos sistemas fluviais.

Cando na 2ª avaliación o alumnado de 1º de ESO afrontou a unidade didáctica adicada as augas do planeta Terra, adicamos moito tempo a estudar o ciclo da auga e súa importancia nos sistemas hídricos continentais, coma as propias redes e sistemas fluviais. Para elo, decidimos empregar tres sesións a desenvolver aspectos relacionados coa definición, formación e tipoloxías de hidrometeoros nubosos. Interesábanos afondar nesta cuestión para logo establecer unha relación e análise do volume e distribución temporal das precipitacións coas enchentes rexistradas no río Miño.

A primeira sesión adicouse a desenvolver aspectos teóricos relacionados coa nubes. Na segunda sesión fixemos unha sesión de observación directa para tentar atopar e comparar distintos tipos de nubes. Na última sesión, voltamos a aula e establecemos, con datos cuantitativos, unha actividade de relación e conexión entre os meses de maior volume de precipitacións e os meses de maior caudal no río Miño. Como actividade final, o alumnado realizou un "caderno de nubes" que lle serviu para diferenciar os distintos tipos de nubes segundo a clasificación xenérica de Luke Howard e que tiña para nós a utilidade de saber cales eran as nubes que producían máis precipitacións daquelas que non.

Estas son algunhas imaxes da actividade:




Nestes dous diagramas pódese apreciar perfectamente a relación entre as elevadas precipitacións do clima oceánico en Sarria e os meses de maior caudal do río Miño que que presenta un réxime pluvial dunha marcada estacionalidade derivada sobre todo pola saturación do chan debido a grande cantidade de precipitacións que presenta o noso clima

Climograma Sarria
 Hidrograma río Miño

Imaxes do interior e portadas de cadernos de nubes elaborados polo alumnado de 1º de ESO






AS FONTES DO RÍO SARRIA: LOCALIZACIÓN XEOGRÁFICA DO RÍO SARRIA

Unha das cuestións máis importantes que se traballan no curso de 1º ESO é a aquela que atinxe á localización xeográfica. O alumnado de 1º ESO do IES “Gregorio Fernández” desenvolveu unha actividade relacionada con este aspecto dentro do Proxecto Ríos a mediados do mes de decembro, na primeira avaliación do curso 2014/2015. A actividade consistía en contrastar a información cartográfica (mapa 124, 1:50000; S.G.E. 1953) con outros ferramentas xeográficas vinculadas ás TIC (googlearth, sigpac, etc) Despois disto, o alumnado tentaba establecer un esquema sinóptico do río Sarria ata a localidade de Sarria (centro urbán) aplicando o uso de todas as ferramentas que utilizou no proceso de localización e verificación: observacións directas en campo; análise cartográfica, verificación con aplicacións informáticas. Aquí tedes algunhas imaxes do proceso.
Como se pode apreciar, a actividade foi moi sinxela e accesible no seu desenvolvemento e serviu para confirmar algúns datos de moito interese como o propio feito de que o nome do río que lle dá nome á comarca e a á vila de Sarria nace, en realidade, no concello veciño de Triacastela… cousas dos ríos! O alumnado determinou que o nacemento do río Sarria derívase dunha serie de regos e regatos que conflúen no lugar de Lusío (42º 44’ N; 3º 35’ O) onde arrancan xa co nome de río Sarria.